MES A MES...

... semana a semana, día a día, minuto a minuto, pasiño a pasiño ... 

Así foi indo este último ano. Vivindo ao día e prescindindo de facer plans a longo, medio e mesmo a curto prazo. Buscando cada día, e atopando con maior ou menor esforzo, milleiros de razóns polas que alegrarme para seguir vivindo con optimismo e ilusión. Sacándolle o lado positivo a cada momento pois, aínda nos máis duros, sempre houbo algo ao que agarrarse para botar unhas risas e sentirse menos mal.

Foi un ano moi especial, diferente, cargado de experiencias, aprendizaxes e do que gardo recordos moi bos e valiosos. O mellor de todos: a amizade. Por iso me sinto e sempre me sentirei máis que agradecida a todas e cada unha das persoas que me axudastes no difícil labor de xestionalo...

Penso que o fixemos moi ben ;)

GRAZAS!!!



NOTA.- Daquela fun, mes a mes, escribindo e acompañando de fotografías o proceso que estaba a vivir. Para min era unha necesidade e unha ilusión. Fixen así un diario "persoal" desa primeira etapa e o certo é que non contaba compartilo por aquí... 
Hoxe, aínda con moitas dúbidas, anímome a facelo público para que quen queira, poida ler cronoloxicamente o meu sentir e vivir desde decembro de 2013 ata o mesmo mes do seguinte ano. 
Encantaríame que puidese servir para facerlle máis levadeiro o trance a outras persoas que teñan que pasar por unha experiencia similar. 

Por certo, se alguén quere contactar comigo, estou en: sabelasingala@gmail.com (Sabela Núñez Singala)

DECEMBRO 2013

Neste mes comeza para min unha aventura totalmente imprevista e non demasiado ilusionante aínda que prometo sacar dela todo o que de bo poida ter, seguro que non é pouco.

Un dos primeiros días de decembro acudín á consulta de xinecoloxía coa fin de intentar comprender a que eran debidas as molestias que viña sentindo desde había meses no brazo esquerdo e que ultimamente parecían ter a súa orixe na axila do mesmo lado... Aos poucos días citáronme para facer unha mamografía e unha ecografía sendo aí onde as miñas sospeitas pareceron confirmarse. Á semana seguinte funme á Coruña para que me practicaran, con relativa urxencia, unha biopsia do peito esquerdo. Antes de rematar este mes de decembro xa me comunicaron o diagnóstico: un tumor maligno agochado baixo o pseudónimo de "Carcinoma ductal infiltrante e invasivo en grao III" co que disque non debo convivir moitos días máis... 

Durante todo este mes de sospeitas e finalmente diagnóstico, tratei de que a miña/nosa vida fose o máis normalizada posible pois precisaba asumir a nova situación eu soa antes de comunicalo no meu contorno máis próximo e quería facelo sobre un terreo previamente preparado para non converter nun drama o que tamén vai ser unha oportunidade de vivir, aprender e compartir momentos impensables ata agora e positivos moitos deles. Se cadra non estou de todo no certo, pero agora mesmo eu preciso vivilo así e así intentarei facelo ;)

Dediqueime entón, caladiña, a gozar canto puiden de feitos tan terapéuticos como a saída á luz da miña primeira novela infantil, "O agasallo de Anya", que acaba de sair do forno este mesmo mes.


Acompañei a Paulo igualmente nunha fantástica actuación co seu violín en Xustáns (Pontevedra)...


Presentei unha peza de teatro de Rosalía e os seus compañeiros e compañeiras na Festa de Nadal de Muimenta...


E levei a Iago e Ánxela xogar un torneo de tenis a Redes (Ares) o mesmo día chuvioso e gris en que me acheguei a Coruña buscar os resultados daquela anatomía patolóxica...


Vivín tamén unha ocasión estupenda para darme de conta do importante e necesario que é sentirse ocupada e arroupada nestes momentos. Cando aínda ninguén máis sospeitaba a que se me viña enriba, tiven un encontro moi especial cos veciños e veciñas de Muimenta xuntándonos arredor do meu libro.

Prestoume moito saberme tan ben acompañada e, especialmente, saber que a xente que alí estaba non o facía sentindo mágoa de min... Grazas!!




Detalles deste tipo fanme coller moitas forzas para afrontar a nova etapa que xusto nestes días comezo a vivir. Imos aló!!!


XANEIRO 2014

Todo sucedeu moi rápido. No breve prazo dunha semana, a primeira deste mes, tiven que explicarlles aos pequenos (con Carlos xa ía comentando día a día as novidades) a nova experiencia que iamos vivir, animalos, organizarlles un par de días de "vacacións" con Belén e Pepe aos que nunca agradecerei suficientemente o apoio prestado, facer o preoperatorio, tramitar e mandar o primeiro parte de baixa médica ao instituto, mercar pixamas e outra lencería (unha máis ortopédica ca outra) explicando ás dependentas que non, que non eran agasallos de Reis e que non precisaba daquel papel festivo nin cargado de motivos navideños co que se empeñaban en envolver as miñas compras... Tiven tamén que preparar o "kit de benestar" para afrontar con positivismo a estancia no hospital: libros, tablet, libreta, bolígrafo, móbil, cámara de fotos...




Así de ben preparada fun para o Polusa o día 7 de xaneiro. A experiencia da operación ademais do pre e postoperatorio foi xenial, sentinme moi ben tratada e apoiada en todo momento. As doctoras acompañáronme durante cinco horas e media na mesa de operacións, nese tempo extirpáronme o tumor e fixeron unha reconstrución espectacular do meu peito esquerdo. A verdade é que me deixaron unha teta "nova" tan ben feitiña que quedei decidida a tapar a outra cun pareo no verán para así presumir da súa fantástica obra ;)





Mágoa que esa marabillosa reconstrución axiña tivese que ir parar ao "caldeiro do lixo orgánico"...
Foi tan só unha semana despois de recibir a alta hospitalaria cando, estando en pleno proceso de curar as feridas e mimar a miña nova teta, acudín de novo á consulta para sacar puntos e coñecer os resultados da análise do tumor e... saín de alí cunha nova data de ingreso para a semana seguinte e outra operación programada, desta volta tiña que ser unha mastectomía radical. 
Disque era necesario extirpar todo o peito ademais dos ganglios da axila xa que moitos deles estaban afectados polo carcinoma e mesmo presentaban unha avanzada metástase.

Esta vez "convalidáronme" o recente preoperatorio e reutilicei a maior parte da lencería polo que a semaniña que me quedaba antes da nova operación vivina o máis allea ao hospital que puiden. Acudín ao instituto para rematar uns traballos de secretaría que quedaban pendentes, coñecer á miña substituta e dicirlles ás miñas compañeiras e compañeiros que estaba relativamente ben, pasei a fin de semana en Santiago e asistín encantada á cea de cocido que facemos anualmente un grupo de amigas e amigos... Tamén aproveitei para xestionar o aprazamento da presentación oficial de "O agasallo de Anya" que previamos facer en xaneiro e preparei unha nova estancia hospitalaria que vivín de novo con moi bo ánimo e o imprescindible arroupamento por parte da xente querida. Grazas!


Con esta discretísima homenaxe fotográfica despedín a miña teta esquerda, nin que dicir ten que estas fotos evocan en min milleiros de fantásticos recordos. Síntome máis que orgullosa de que ese pedaciño do meu corpo servise de alimento, consolo e acubillo a Iago, Ánxela, Paulo e a Rosalía ;)


Parece que todo vai bastante ben, espero que o remate desta aventura sexa aínda mellor...

FEBREIRO 2014

De regreso a casa tras a segunda estancia hospitalaria, foi este un mes marcado polo consumo de produtos farmacéuticos de todo tipo. Mesmo as pequenas saídas de fin de semana que puiden facer, foron sempre na compañía da "mochila das curas" que contribuíu a que gozara deses períodos de descanso tanto como en ocasións anteriores.


Hai que dicir que, ademais de medicamentos, tamén consumín doces e calorías a fartar pois sempre me resultou doado sacar algo de tempo para enredar na cociña con estes dous minichefs ;)


Nos primeiros días merquei e estreei unha prótese de "silicona de última xeración", disque. O caso foi que saín encantada da ortopedia e crendo que aquelo me ía coma unha luva... ;) Unha horiña máis tarde volvía para a casa coa miña "compra" no asento do copiloto e preparando a resposta ao axente de tráfico se me paraba no traxecto ata casa... Contaríalle que me saltou o airbag!!! ;)


Neste mes que hoxe remata tomeime unha semaniña "libre" entre a consulta coas cirurxás e a cita co oncólogo. Veume moi ben para coller folgos, ilusión e sentirme de marabilla na presentación da miña novela en Lugo.




 


Foi fantástico rematar o mes con vós!!!

MARZO 2014

Xusto despois de pasar unha divertida fin de semana de Entroido en Vilanova de Arousa, acudín á consulta do oncólogo cos resultados dunha ampla colección de probas médicas que me encargou realizar e que fun facendo pouquiño a pouco nos últimos días ao tempo que descubría novos e descoñecidos centros hospitalarios nunha ruta polas provincias do norte galego ;) Fixen analíticas na clínica Dinan de Lugo, TAC no Polusa tamén de Lugo, un electro e un ecocardiograma no Sanatorio lucense Virxe dos Ollos Grandes, unha gammagrafía ósea no Hospital Modelo de Coruña... Todas elas foron probas previas a comezar co temido tratamento quimioterápico ;)

O día 11 xa recibín a que sería a primeira sesión dun total de seis ciclos que, en principio, terán lugar cada tres semanas sempre e cando a analítica previa ao tratamento indique que estou o suficientemente forte como para soportalo... Malo será!!

Ese mesmo día, e ante a insistencia da enfermeira para que pasase pola perruquería "amañar" a cabeza antes de chegar a casa, decidín que ía montar un particular Salón de Beleza no xardín pois parecíame ben máis sensato e terapéutico tanto para min como para os pequenos participar do proceso que non chegar "calva" a casa o primeiro día...

Creo que atinei pois resultou moi divertido e botámonos unhas boas risas!!! 



A verdade é que durante a administración da quimioterapia, cada sesión supón cinco horas e media enchufada á máquina no Hospital de Día, foi posible chegar a sentirme ben cómoda e entretida... Non cheguei a preguntalo, pero nalgúns momentos pensei se o tratamento incluiría algunha substancia xeradora de benestar ;)


Rematei este mes gozando dun fantástico encontro cunha boa parte dos que foron compañeiros/as e amigas/os na Fonsagrada, xente coa que compartín unha chea de anos de traballo e diversión. Nesa xuntanza comprobei, unha vez máis, que non existe mellor paliativo para os molestos efectos secundarios da quimioterapia que a amizade :)


Canto presta revivir momentos que foron tan felices. Grazas por facerme máis doado comezar un novo mes!!! Imos por el...

ABRIL 2014

O mes de abril foi especialmente intenso. Houbo novas sesións de quimioterapia levadeiras en gran parte grazas ás conversas tanto presenciais como virtuais; entre estas últimas andei argallando con Noemí unha humilde e particular versión de "O agasallo de Anya" en árabe que ela levará na súa viaxe a Khamlia (Marrocos) onde lles contará a historia de Xiana e Anya ás nenas e nenos daquela escola. Fixemos unha mañá de traballo moi satisfactoria!! ;) 


Tamén neste mes, concretamente o pasado día 11, un cirurxán cardiovascular facilitoume en gran medida a administración da quimioterapia colocándome un reservorio próximo á clavícula e con acceso directo á xugular... Deste xeito evitamos que o tratamento me deteriore máis as veas da man e do brazo dereitos que son os únicos útiles para iso xa que a parte esquerda parece ser que queda medio inutilizada para ese tipo de cousas tras extirparme os ganglios da axila.

Co novo aparello acabado de instalar, acudín ao Servizo de Radioloxía para facerme este simpático selfie :)


E co zurcido recién rematado e cun bo estado de ánimo, gozamos dunhas limitadas pero merecidísimas vacacións de Semana Santa na preciosa localidade de Aveiro (Portugal)





De volta a casa, reanudei a miña rutina tan particular e na seguinte sesión de quimioterapia coincidín cunha excompañeira de facultade. O encontro foi moi agradable ademais de incrible e, mentres intentaba convivir cos efectos adversos da medicina, dediqueime a escribir o seguinte texto:

"O que me ocorreu hoxe, non é doado de crer... Estiven horas e horas tomándome unhas consumicións cunha antiga compañeira de facultade! 
Máis de vinte anos sen vernos desde aquela época estudantil na que compartiamos noites de copas por Compostela, máis de vinte anos e fómonos atopar precisamente hoxe. O encontro tivo lugar nun local no que estivemos ata que marcharon todos os clientes chegando así o momento de pechar.
Charlamos, desmelenámonos e consumimos compulsivamente: ela convidou a Adriamicina, eu paguei a ronda de Ciclofosfamida  a de Ranitidina, ela empeñouse en que probásemos un chupito de Fosaprepitant e outro de Zofran sen xeo... E eu non quixen marchar sen antes convidar a unha copa de Docetaxel. A camareira, moi amable, dixo que o soro glucosado e mais o salino ían por conta da casa, o mesmo que as tapas de dieta branda que consumimos.
E así foi como ♪ ♫ ♩ ♬  nos dieron las diez y las once, las doce y la una, las dos y las tres... ♪ ♫ ♩ ♬ 
Despedímonos. Ela puxo a perruca e marchou tambaleando malia contar coa axuda da muleta, eu coloqueime o gorro tapando a calva e ensineille á camareira as dúas talladas que me fixeran perto da xugular alí mesmo, nese local tan só uns días antes.
Ela sacoume os puntos e deume cita para... a vindeira sesión de quimioterapia"

Sen dúbida, foi este un mes de moita actividade e de seguir engadindo vivencias e vocabulario ao meu novo curriculum ;)

MAIO 2014

Rematamos maio vendo que a quimioterapia segue a traer consigo un bo lote de efectos secundarios difíciles de soportar. De todos modos, non me colle a menor dúbida de que o sentido do humor é imprescindible para non decaer ante tanto e tan incómodo malestar. Madía leva!

Uns grandes xeradores de endorfinas para estes momentos están a ser os deseños que Paulo e Rosalía fan sobre a miña calva. Botamos unhas boas risas a conta deles e... prestan un montón!!



Tamén é entretido "xogar" a atoparlle as diferenzas e similitudes a montaxes coma esta:


Nalgúns ciclos foi ben complicado atopar a maneira de facer algo máis levadeiros os efectos secundarios do tratamento, daquela mesmo cheguei a botar man de remedios caseiros... cociñando MARI-manteiga e tamén MARI-natillas a pesar de que o éxito non foi tan grande como para repetilo ;)



Tamén resultou terapéutico participar no acto de celebración das Letras Galegas recitando, na Casa da Cultura de Muimenta, poemas do escritor homenaxeado este ano: Xosé Mª Díaz Castro.


Así como acompañar e felicitar na súa graduación (e posterior cea) ao alumnado de 2º de Bacharelato da Pontenova, aos que deixei de dar clase no pasado mes de xaneiro... Parabéns!!!


E mesmo visitar ás nenas e nenos do Club de Lectura do CEIP de Aguiño (Ribeira) cos que compartín unha tarde estupenda arredor de "O agasallo de Anya". Concedéronme o privilexio de estrear o seu "libro de visitas" e podo prometer que foi unha xornada fantástica. Grazas!



Tamén neste mes rematou Iago o seu primeiro curso de universidade en Catawba College (North Carolina - EEUU). Alí compaxinou a práctica do tenis co inicio dos estudos de grao en Matemáticas. 



Un gustazo telo de novo pola casa e unha razón máis para ir levando os meses que quedan...

XUÑO 2014

Este foi o cuarto mes intensivo de quimioterapia. Sen dúbida, a súa administración é máis levadeira grazas ao reservorio que me instalaron o pasado mes de abril. 



Os efectos secundarios tamén se pode dicir que están sendo algo máis levadeiros desde que lío no canto de cociñar...



Tamén a chegada do bo tempo, acompañado dos primeiros baños na piscina, son paliativos do malestar. É estupenda esa sensación de que o pelo non faga escorregar auga pola cara, cómodo o de non sentir pelos "inoportunos" asomando pola perneira do bañador e mesmo resulta agradabilísimo non ter que preocuparse de poñer gorro de baño ;)




Outro momento fantástico foi o de asistir á comida de fin de curso do Instituto de A Pontenova previo paso polos servizos de perruquería de Paulo.



Houbo outro momento súper especial, foi o día 25 deste mes, o día de acompañar a Ánxela e a Paulo ao instituto de Castro para recoller as notas. Pasoume algo marabilloso!!
O caso é que de súpeto me vin no medio de todas e todos aqueles rapaces que saían da aula con cadanseu sobre na man e caras máis ou menos alegres. Eu tamén levaba o meu sobre, un sobre moi especial que me deu Laura Mosquera e no que se agachaba esta artistada que ela mesma debuxou. Fantástico!!!
O próximo día que vaia poñer a quimio, na semana que vén, ollarei o meu debuxo, lerei as verbas que Laura me escribiu por detrás, emocionareime e... estou segura de que levarei moito mellor este próximo ciclo, xaora que si. Grazas Laura!



Tamén foi moi agradable navegar un ano máis "melena ao vento" pola Ría de Arousa ;)



E nos últimos días deste mes participamos nunha multitudinaria manifestación. Varios miles de persoas xuntámonos para pedir que doten o Hospital de Lugo de servizos de hemodinámica as vinte e catro horas do día, medicina nuclear e RADIOTERAPIA.