Neste mes comeza para min unha aventura totalmente imprevista e non demasiado ilusionante aínda que prometo sacar dela todo o que de bo poida ter, seguro que non é pouco.
Un dos primeiros días de decembro acudín á consulta de xinecoloxía coa fin de intentar comprender a que eran debidas as molestias que viña sentindo desde había meses no brazo esquerdo e que ultimamente parecían ter a súa orixe na axila do mesmo lado... Aos poucos días citáronme para facer unha mamografía e unha ecografía sendo aí onde as miñas sospeitas pareceron confirmarse. Á semana seguinte funme á Coruña para que me practicaran, con relativa urxencia, unha biopsia do peito esquerdo. Antes de rematar este mes de decembro xa me comunicaron o diagnóstico: un tumor maligno agochado baixo o pseudónimo de "Carcinoma ductal infiltrante e invasivo en grao III" co que disque non debo convivir moitos días máis...
Durante todo este mes de sospeitas e finalmente diagnóstico, tratei de que a miña/nosa vida fose o máis normalizada posible pois precisaba asumir a nova situación eu soa antes de comunicalo no meu contorno máis próximo e quería facelo sobre un terreo previamente preparado para non converter nun drama o que tamén vai ser unha oportunidade de vivir, aprender e compartir momentos impensables ata agora e positivos moitos deles. Se cadra non estou de todo no certo, pero agora mesmo eu preciso vivilo así e así intentarei facelo ;)
Dediqueime entón, caladiña, a gozar canto puiden de feitos tan terapéuticos como a saída á luz da miña primeira novela infantil, "O agasallo de Anya", que acaba de sair do forno este mesmo mes.
Acompañei a Paulo igualmente nunha fantástica actuación co seu violín en Xustáns (Pontevedra)...
Presentei unha peza de teatro de Rosalía e os seus compañeiros e compañeiras na Festa de Nadal de Muimenta...
E levei a Iago e Ánxela xogar un torneo de tenis a Redes (Ares) o mesmo día chuvioso e gris en que me acheguei a Coruña buscar os resultados daquela anatomía patolóxica...
Vivín tamén unha ocasión estupenda para darme de conta do importante e necesario que é sentirse ocupada e arroupada nestes momentos. Cando aínda ninguén máis sospeitaba a que se me viña enriba, tiven un encontro moi especial cos veciños e veciñas de Muimenta xuntándonos arredor do meu libro.
Prestoume moito saberme tan ben acompañada e, especialmente, saber que a xente que alí estaba non o facía sentindo mágoa de min... Grazas!!
Detalles deste tipo fanme coller moitas forzas para afrontar a nova etapa que xusto nestes días comezo a vivir. Imos aló!!!






