XANEIRO 2014

Todo sucedeu moi rápido. No breve prazo dunha semana, a primeira deste mes, tiven que explicarlles aos pequenos (con Carlos xa ía comentando día a día as novidades) a nova experiencia que iamos vivir, animalos, organizarlles un par de días de "vacacións" con Belén e Pepe aos que nunca agradecerei suficientemente o apoio prestado, facer o preoperatorio, tramitar e mandar o primeiro parte de baixa médica ao instituto, mercar pixamas e outra lencería (unha máis ortopédica ca outra) explicando ás dependentas que non, que non eran agasallos de Reis e que non precisaba daquel papel festivo nin cargado de motivos navideños co que se empeñaban en envolver as miñas compras... Tiven tamén que preparar o "kit de benestar" para afrontar con positivismo a estancia no hospital: libros, tablet, libreta, bolígrafo, móbil, cámara de fotos...




Así de ben preparada fun para o Polusa o día 7 de xaneiro. A experiencia da operación ademais do pre e postoperatorio foi xenial, sentinme moi ben tratada e apoiada en todo momento. As doctoras acompañáronme durante cinco horas e media na mesa de operacións, nese tempo extirpáronme o tumor e fixeron unha reconstrución espectacular do meu peito esquerdo. A verdade é que me deixaron unha teta "nova" tan ben feitiña que quedei decidida a tapar a outra cun pareo no verán para así presumir da súa fantástica obra ;)





Mágoa que esa marabillosa reconstrución axiña tivese que ir parar ao "caldeiro do lixo orgánico"...
Foi tan só unha semana despois de recibir a alta hospitalaria cando, estando en pleno proceso de curar as feridas e mimar a miña nova teta, acudín de novo á consulta para sacar puntos e coñecer os resultados da análise do tumor e... saín de alí cunha nova data de ingreso para a semana seguinte e outra operación programada, desta volta tiña que ser unha mastectomía radical. 
Disque era necesario extirpar todo o peito ademais dos ganglios da axila xa que moitos deles estaban afectados polo carcinoma e mesmo presentaban unha avanzada metástase.

Esta vez "convalidáronme" o recente preoperatorio e reutilicei a maior parte da lencería polo que a semaniña que me quedaba antes da nova operación vivina o máis allea ao hospital que puiden. Acudín ao instituto para rematar uns traballos de secretaría que quedaban pendentes, coñecer á miña substituta e dicirlles ás miñas compañeiras e compañeiros que estaba relativamente ben, pasei a fin de semana en Santiago e asistín encantada á cea de cocido que facemos anualmente un grupo de amigas e amigos... Tamén aproveitei para xestionar o aprazamento da presentación oficial de "O agasallo de Anya" que previamos facer en xaneiro e preparei unha nova estancia hospitalaria que vivín de novo con moi bo ánimo e o imprescindible arroupamento por parte da xente querida. Grazas!


Con esta discretísima homenaxe fotográfica despedín a miña teta esquerda, nin que dicir ten que estas fotos evocan en min milleiros de fantásticos recordos. Síntome máis que orgullosa de que ese pedaciño do meu corpo servise de alimento, consolo e acubillo a Iago, Ánxela, Paulo e a Rosalía ;)


Parece que todo vai bastante ben, espero que o remate desta aventura sexa aínda mellor...