XULLO 2014

Neste mes, comezo das vacacións para moitas e moitos, dei por rematado o tratamento de quimioterapia (o día 1) e comecei coas consultas no Centro Oncolóxico de Galicia, en A Coruña, previas a comezar o mes que vén coa radioterapia.

A verdade é que foi todo moi ben, a única suxestión que lles fixen tras rematar o tratamento foi a de cambiar o rótulo da fachada ;)


Sempre intentando alterar o mínimo posible as nosas actividades habituais, case podo afirmar que este mes de xullo foi realmente de vacacións:

IAGO puido gozar de festas e festivais ao tempo que recuperaba o tempo que non estivo cos seus amigos e amigas durante este curso que viviu en Estados Unidos.




ÁNXELA seguiu coa súa admiración ao Dépor, xogando e gañando torneos de tenis e gozando do tempo compartido coas súas amigas e amigos.




PAULO feliz día e noite no Fiddle Camp co violín que tanto lle presta tocar, enredando pola casa ou ben gozando de momentos divertidos no Parque Acuático.




E ROSALÍA tivo tempo para acampar de fin de semana, competir a tenis en diferentes torneos e mesmo remar en canoa pola Ría de Arousa.




Por certo, mirade que "remake" máis chulo fixemos o día que fomos ao Parque Acuático de Cerceda.


A verdade é que os catro debían gozar dun merecido descanso despois dos éxitos que foron capaces de lograr durante o curso malia as adversidades que tiveron que vivir. Que ben o fixeron eles e que ben me fan sentir a min!

Rematei este mes publicando no Progreso e mais na Voz de Galicia, esta carta coa que insistín na necesidade de que o Hospital de Lugo sexa dotado dos servizos de medicina nuclear, hemodinámica e radioterapia. 


Sería bo que fósemos conseguindo algunha mellora para as e os enfermos lucenses...

AGOSTO 2014

Este foi o mes da Radioterapia!! Comeceino viaxando a Coruña o mesmo día 1 a primeira hora da mañá para tatuar o peito, algún día fun tan cedo que ata me coincidiu ver nacer o día mentres atravesaba a localidade de Alba, bonitas casualidades da vida...


Cando me parei a calcular que tiña que conducir algo máis de dúas horas diarias para radiarme tan só durante dez minutos, e iso ao longo de máis de trinta días seguidos agás sábados e domingos, decateime de que sería un desaproveitamento do tempo e dos recursos non sacarlle máis proveito a esas viaxes. Así foi como me acompañaron Ánxela, Paulo e a maior parte dos días Rosalía coa finalidade de coñecer mellor a cidade, gozar das súas festas durante a primeira quincena, visitar a 43ª edición da Feira do Libro e a 17ª de Viñetas desde o Atlántico, contemplar un ano máis a mostra de artesanía "Mostrart", expedir para Ánxela o carné de socia do Dépor, fotografiarse co trofeo "Teresa Herrera", animar a chegada a Coruña dos ciclistas participantes na Volta a España, patinar polo Paseo Marítimo de Riazor e, como non, gozar de fantásticas e calurosas xornadas de praia no Orzán, Riazor ou Santa Cristina.





Das vinte e cinco sesións de radioterapia que recibín, todas foron consecutivas agás dúas delas pois ás enfermeiras pareceulles oportuna a miña petición de non asistir o día 19. Así puidemos marchar para Madrid o luns despois da novena sesión e despedir a Iago no aeroporto xa que o mércores debía asistir ao inicio de curso en EEUU.




Foi un bo mes, penso que setembro ha ser semellante... 

SETEMBRO 2014

Como non podían tardar moito máis en asomar os primeiros peliños tras dous meses sen quimioterapia, apuramos a facer os últimos deseños sobre este lenzo tan particular e que tan bos momentos nos proporciona:

Sen pelo ningún como unha bóla de billar (obra de Paulo)


Con certa pelusiña como as bólas de tenis (obra de Rosalía)


A mediados de mes asistimos ao Festival da Luz en Boimorto gozando a tope con fantásticas actuacións. Grazas a unhas espigas de millo puiden improvisar unha nova imaxe totalmente orixinal :)


Neste mes de setembro, na cidade da Coruña, celebrouse unha nova edición da "Carreira da Muller", un acto solidario con aquelas persoas que estamos afectadas polo cancro de mama. Prestoume moito que a miña compañeira Marta me "levase" no seu dorsal e tamén no pensamento. Grazas!!!


Polo demais, seguín coas viaxes diarias a Coruña practicamente todo o mes pois rematada a radioterapia foi necesario acudir con frecuencia para facer curas nas queimaduras que me produciron as radiacións.
Continuaron entón as visitas á praia durante uns días máis... Estupendo!



Coincidiu tamén este mes co inicio dun novo curso escolar para os pequenos. Non era nada doado para min distinguir entre os materiais que debía usar para forrar os libros de texto e os que precisaba para facerme as curas no peito ;)


Así foi como rematei tamén o mes feita unha experta en deseños de escotes... Afíxenme a alternar entre tres modelos, a cal máis sensual: camiseta de dúas asas, ombro descuberto e mesmo "palabra de honor" ;)


OUTUBRO 2014

Foi este un mes tranquilo, de recuperación tras os tratamentos e de ir moi pouquiño a pouco collendo novos folgos. O certo é que dá gusto ter tempo libre e ocupalo con esas actividades que tantas veces tes que deixar de facer precisamente por falta de tempo: ler, escribir, ganchillar, tecer, traballar coiro, decorar o baño, deseñar cabazas para Samaín, apañar cogumelos...









A finais deste mes de outubro asistín á última das consultas oncolóxicas na Coruña, as seguintes volverán a ser en Lugo, e fíxome Paulo o primeiro "corte de pelo" despois de case oito meses.


E así, con esta nova imaxe e uns días soleados, despedimos o bo tempo ata o ano que vén!!!  



NOVEMBRO 2014

Comecei o mes de novembro cunha boa melena coidada co peine modelo "sen-tola" que deseñou Paulo durante o xantar que fixemos en Cambados nunha xornada xa de frío inverno.



Uns días despois tiven que asistir a unha cita coa Inspección Médica, enviáronme unha carta certificada e tiven que comparecer provista de DNI e con toda a documentación médica que tivese relacionada coa miña enfermidade.
Levei unha caixa de papeis que o médico non quixo nin mirar, despachoume dicindo que co DNI e o diagnóstico tiña a baixa máis que xustificada... ;)



Se o mes pasado me deu por tecer compulsivamente, desta volta botei máis tempo lendo, escribindo microrrelatos e preparando charlas arredor de "O agasallo de Anya".
A verdade é que, as mañás que non teño citas médicas, resúltanme moi proveitosas e gratificantes. Das outras tampouco teño queixa ningunha.



A mediados de mes pasei unha xornada estupenda con alumnado do CEIP de Román (Vilalba). Foi moi gratificante estar con eles, gocei cos pequeniños e pequeniñas de Infantil e divertinme tamén un montón cos maiores de sexto de Primaria. Agradézolles moito a xornada tan bonita que compartimos.






Rematei o mes con outra espectacular xornada na Biblioteca Municipal de Gondomar. A verdade é que xuntar a máis de trinta nenas e nenos coas súas familias nunha mañá soleada de sábado non dí máis que marabillas sobre o Club de Lectura "Lendo Contigo".

Parabéns e moitas grazas polo convite!