SETEMBRO 2014

Como non podían tardar moito máis en asomar os primeiros peliños tras dous meses sen quimioterapia, apuramos a facer os últimos deseños sobre este lenzo tan particular e que tan bos momentos nos proporciona:

Sen pelo ningún como unha bóla de billar (obra de Paulo)


Con certa pelusiña como as bólas de tenis (obra de Rosalía)


A mediados de mes asistimos ao Festival da Luz en Boimorto gozando a tope con fantásticas actuacións. Grazas a unhas espigas de millo puiden improvisar unha nova imaxe totalmente orixinal :)


Neste mes de setembro, na cidade da Coruña, celebrouse unha nova edición da "Carreira da Muller", un acto solidario con aquelas persoas que estamos afectadas polo cancro de mama. Prestoume moito que a miña compañeira Marta me "levase" no seu dorsal e tamén no pensamento. Grazas!!!


Polo demais, seguín coas viaxes diarias a Coruña practicamente todo o mes pois rematada a radioterapia foi necesario acudir con frecuencia para facer curas nas queimaduras que me produciron as radiacións.
Continuaron entón as visitas á praia durante uns días máis... Estupendo!



Coincidiu tamén este mes co inicio dun novo curso escolar para os pequenos. Non era nada doado para min distinguir entre os materiais que debía usar para forrar os libros de texto e os que precisaba para facerme as curas no peito ;)


Así foi como rematei tamén o mes feita unha experta en deseños de escotes... Afíxenme a alternar entre tres modelos, a cal máis sensual: camiseta de dúas asas, ombro descuberto e mesmo "palabra de honor" ;)